Delegación Diocesana de Misiones de Ourense (España)
                       Haznos tu Página de inicio

 













Festivais da Canción Misioneira

Un ano máis chegan os Festivais. O domingo, 30 de abril é o Festival Infantil, e o luns 1 de maio é o Xuvenil. Para falarnos deles puxémonos en contacto cun home que os coñece ben: Benito Fernández Ferreiro que é o cura de Crespos, un “habitual” neste escenario. Mais de trinta anos leva participando. Case sempre o vemos cunha guitarra, de costas e atendendo a mil cousas... porque os que dan a cara son os nenos das súas parroquias que o miran fixamente esperando as súas indicacións.

-¿Desde cando sentíche-la afición da música?

Desde pequeno. O momento que máis recordo é ós seis ou sete anos cando un tío nos trouxo, para meu curmán e para min, unha harmónica, marca “O Fado” da Romaría da Peneda. Con ela pasabamos o tempo cando nos mandaban coas vacas para o monte.

- ¿Por que e para que un grupo de música?

“Do que reborda o corazón fala a boca”. Cando cheguei ás parroquias, ós poucos días, pregunteille ós cinco ou seis rapaces e rapazas que vivían preto de onde eu vivía se querían aprender a tocar algún instrumento e a cantar... e así sen máis empezamos. E fíxeno porque estou convencido de que a música axuda a desenvolver capacidades pero sobre todo fai xermolar actitudes e valores que son fundamentais para a vida: a música é esforzo, moitas horas de ensaio, é harmonía, é encontro, é unión, camiñar xuntos ó mesmo compás, estar pendente dos outros, é colaboración, é importante a aportación de todos e cada un, a música é beleza....

- ¿Que papel ten a música na túa labor pastoral nas parroquias?

Non hai parroquia se non hai comunidade. E a música é ocasión para os rapaces que se xunten, se coñezan e o pasen ben. É tamén instrumento para transmiti-la mensaxe e os valores do evanxeo. As nosas cancións son sempre cancións con mensaxe: amistade, amor, paz, esperanza... Ademais axudan a convocar á comunidade. Onde cante o rapaz, alí estará a familia enteira...

“Os festivais teñen sido fonte de enriquecemento tanto a nivel humano coma de fe

- E nos Festivais da Canción Misioneira ¿cantos anos levades participando?

Participamos por primeira vez o ano 1986 e alí naceu como tal o grupo “XERMOLARA”. Nos dez últimos anos tamén en oito ocasións participamos nos encontros a nivel nacional. E entretanto estivemos  noutros certames como “CANTARELIÑA”. .

- ¿Como valorarías esa participación nos Festivais?

Sen duda  ten sido unha fonte de enriquecemento tanto a nivel humano coma de fe.

Como grupo a nosa historia e experiencia vai unida á historia dos Festivais. Eles foron sempre para nós un punto de referencia como penso que o ten sido para moitos grupos parecidos. A participación nos encontros nacionais foi ocasión para percorrer España de norte a sur, de Santander a Almería, pero sobre todo foi ocasión de compartir experiencias e celebracións con xentes de tódolos lugares.

- ¿Que e quen fixo posible a pervivencia do grupo durante tantos anos?

Primeiro unha boa dose de paciencia e ilusión, porque crees que o que fas paga a pena e por eso sénteste de sobra recompensado. Importante tamén ten sido o apoio e colaboración incondicional de moitas mestras ilusionadas e animadas en todo o que sexa bo para os rapaces. Ata hai catro anos o colexio foi o noso lugar de encontro e ensaios. E por último compre dicir que teñen un papel importantísimo os pais, e máis agora que algúns deles foron dos que empezaron participando nos Festivais. 

- ¿Dificultades?

Cada día é máis difícil motiva-los rapaces. Ademais nós temos outra dificultade engadida: a dispersión porque os rapaces de XERMOLARA pertencen a oito parroquias nun radio de quince quilómetros. Non é fácil xuntalos coa frecuencia requirida. Gracias á colaboración do Concello e o empeño dos pais, non faltan medios. O que non sabemos é onde se poden merca-las ganas.